Monday 06 de May de 2024

A Xunta apoia ás Asociacións Labregas e Punto Delas no seu labor para axudar ás mulleres ruraris en situación de especial vulnerabilidade


― A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe reunións coas representantes destes colectivos que recibiron o pasado ano 40.000 euros cada un para o desenvolvemento de recursos integrais específicos dirixidos ás mulleres para promover a súa autonomía económica e afectiva

― O programa autonómico de axudas dirixido a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas enfocados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade conta para 2022 con 1,4 millóns de orzamento

― Os apoios poden solicitarse ata o próximo 18 de febreiro

― Na convocatoria de 2022, como novidade, permitirase a compatibilidade destas axudas con outras que reciban as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe en Santiago de Compostela dúas reunións, coa asociación Labregas e coa de Punto Delas, para abordar as súas demandas e informarlles sobre a nova convocatoria das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Destes apoios beneficiáronse o pasado ano os dous colectivos, recibindo cada un 40.000 euros.
Ata o próximo 18 de febreiro poden solicitarse as axudas para 2022 desta iniciativa á que a Xunta destina 1,4 millóns de euros. A convocatoria publicouse o pasado mes de xaneiro no Diario Oficial de Galicia cunha novidade importante respecto a outras edicións: permitirase este ano a compatibilidade destas axudas con outras que reciban as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro.
A Consellería de Emprego e Igualdade financia con este programa actuacións enfocadas a atender ás mulleres en situación social ou económica de risco, como é o caso dos programas que realizan Labregas e Punto Delas.
Teñen esta consideración as mulleres vítimas de violencia de xénero; de explotación sexual-laboral; inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría étnica ou reclusas, ex-reclusas, mulleres embarazadas ou lactantes sen apoio familiar ou sen recursos e inactivas ou desempregadas de longa duración, entre outros colectivos vulnerables e, polo tanto, merecedores dunha especial atención por parte da Administración a través destas axudas, que chegaron en 2021 a 80 programas de 80 entidades, dando resposta a todas as solicitudes que se presentaron e cumpriron cos requisitos da orde de axudas.
Este programa de axudas permitiu desde 2009 e ata 2021, grazas a un investimento de máis de 13,5 millóns de euros, o apoio ao ano de entre 3.500 e 4.000 mulleres de media.
O labor de Labregas e Punto Delas
Labregas, a través do programa que desenvolve para apoiar ás mulleres rurais, informa sobre os recursos públicos existentes que están dirixidos principalmente á atención de persoas en situación ou en risco de exclusión social; presta asesoramento sobre os dereitos sociais e os medios existentes para facelos efectivos; e realiza actividades de formación e información para o fomento e a consolidación do emprego e do autoemprego feminino e para fomentar un emprego intelixente, sostible e integrador.
Así mesmo, Labregas traballa para axudar a paliar a fenda dixital, realiza obradoiros de autoestima e imparte formación en igualdade de oportunidades e contra a violencia de xénero, ao tempo que trata de detectar situacións de violencia doméstica para a súa posterior derivación ao servizo correspondente.
Pola súa banda, Punto Delas, entre outros, potencia o desenvolvemento de políticas de igualdade e loita contra a violencia de xénero sensibilizando sobre esta lacra social; apoia a busca de emprego e fomenta o autoemprego; defende o empoderamento das mulleres labregas proporcionando formación adaptada á súa actividade laboral, agrícola ou complementaria con métodos de produción sostibles encamiñados a obter unha remuneración axeitada; apoia a revitalización do medio rural e intenta crear as condicións axeitadas para o mantemento das mulleres no rural;